ALGAS PARDAS

Son as raíñas da costa galega, especialmente as máis grandes como os argazos e as laminarias. As algas pardas normalmente forman grandes poboacións onde viven, aliméntanse e reprodúcense moitos animais, sendo está gran cantidade de vida asociada un dos seus valores máis importantes.

As algas pardas tamén teñen clorofila (presente en todas as algas xa que é fundamental na fotosíntese) pero está enmascarada por outras substancias coma o caroteno e as xantófilas que lles dan a súa cor marrón ou amarelenta. Con algunhas excepcións, son mariñas e distribúense por todo o océano. Abarcan multitude de formas e tamaños, dende pequenas algas filamentosas ata as grandes laminarias que poden medir varios metros. De feito, son as algas que alcanzan os maiores tamaños e temos a sorte de que son moi abundantes nas nosas costas. As algas pardas non están moi relacionadas con outros tipos de algas, xa que seguiron un camiño evolutivo separado e desenvolvéronse máis recentemente cas verdes e vermellas. 

Algunhas delas seguen ciclos de vida anuais e outras son perennes, podendo vivir décadas se as tormentas o permiten. Nos meses do inverno, a forza do mar pode arrincar partes ou mesmo a alga enteira das especies máis grandes de algas pardas, levándoas á deriva ata chegar á costa como arribazóns. Esta dispersión é moi beneficiosa para a vida mariña xa que, por un lado, é unha rica fonte de alimento para animais herbívoros e detritívoros, mentres que, fóra da auga, proporciona alimento a aves e pulgas de mar.

Merecen mención especial as laminarias, unha das principais especies que forman os bosques submarinos de augas temperadas e frías. Estas xigantes, como todas as algas e plantas mariñas, son capaces de xerar o seu propio alimento e, á súa vez, servir de base alimentaria para toda a cadea trófica (produtoras primarias), de feito a súa produtividade é maior que a producida polos arrecifes de coral. Dado que requiren baixas temperaturas, benefícianse dos afloramentos de auga fría e profunda que se producen en primavera e verán, pero son moi vulnerables aos aumentos de temperatura, polo que a tendencia actual, co cambio climático, é a desaparecer. A situación no Mar Cantábrico neste sentido é moi preocupante, xa que se perderon practicamente todas as mestas poboacións de laminaria. En Galicia, polo momento, mantemos o último reduto do sur de Europa, pero os efectos do cambio climático xa se están a notar e a redución das poboacións é notable.