ALGAS VERMELLAS

As algas vermellas son o grupo máis antigo (hai rexistros fósiles de hai máis de mil millóns de anos) e diversos entre as algas (inclúen máis de 7.000 especies diferentes), podendo presentar múltiples formas e cores, xeralmente asociadas aos variados hábitats nos que poden vivir.

Ademais da clorofila, teñen outros pigmentos azuis, amarelos e vermellos, pero é este último o que lles confire a súa característica cor. Os pigmentos vermellos e azuis son capaces de absorber radiacións de luz moi amplas, o que permite que estas algas tamén poidan vivir a profundidades notables e, a pesar de ser algas capaces de habitar a maior profundidade, podemos atopar algunhas delas na zona intermareal, quedando ao descuberto cando baixa a marea.​

Poden ter formas brandas e esponxas ou laminadas, como as algas verdes e pardas, pero unha gran cantidade de algas vermellas pertencen ao peculiar grupo das coralináceas, que son capaces de producir carbonato cálcico, adquirindo así a aparencia de pedras ou corais.

En xeral son de tamaño pequeno, o que lles permite vivir adheridas a multitude de soportes. Hainas que se aferran ás rochas, mais tamén poden engancharse a outras algas (a miúdo grandes laminarias), algunhas se asentan en diferentes animais, como centolas ou espirógrafos e hainas tamén que viven libremente no fondo, sen necesidade agarrarse, como o maerl.

Son algas moi plásticas, que poden variar moito a súa forma, incluso unha mesma especie dependendo do hábitat no que se atope, o que fai que ás veces resulte moi difícil diferencialas. Hai algas vermellas que seguen ciclos anuais e outras son perennes, chegando a ser moi duradeiras, especialmente as coralináceas.