BIVALVOS

Distínguense dos outros grupos por vivir entre dúas valvas articuladas e independentes que se xuntan na parte máis estreita grazas a unha bisagra dura con dentes (charnela) e un ligamento flexible.

Desde dentro, o molusco aférrase a elas, pechándoas hermeticamente cos seus poderosos músculos adutores. Non teñen cabeza nin rádula, pero algúns teñen varios ollos ao longo do manto (como a vieira) que aparecen ao abrir as valvas. O seu pé músculo e potente permítelles tamén cavar ou ancorarse.

Aliméntanse filtrando partículas en suspensión, de xeito que levan vidas sedentarias e poden vivir escavando nos fondos (croques, ameixas ou navallas), agarrándose a superficies duras (mexillóns) ou máis libremente no fondo (vieiras e zamburiñas). Para filtrar os alimentos e respirar, teñen aberturas, unha inhalante e outra exhalante, ás veces en forma de sifóns (dependendo da lonxitude destes sifóns, poden enterrarse a maior ou menor profundidade).

Hai outros grupos dentro dos moluscos que tamén podemos observar na nosa ría. É o caso dos quitóns (poliplacóforos), que teñen unha cuncha formada por oito placas transversais articuladas e un corpo aplanado e ovalado. Normalmente atoparémolos na parte inferior das rochas raspando coa súa rádula as partículas alí adheridas. Tamén temos os cabeiros de mar (escafópodos), que teñen unha curiosa cuncha en forma de dente de elefante, aínda que o seu tamaño é moito menor, entre 3 e 6 cm. Os cabeiros viven enterrados nos fondos de area e de lama, buscando pequenos animais enterrados para comer.