BLÉNIDOS

A anatomía dos peixes, como en calquera animal, adáptase e transfórmase segundo os seus hábitos e un claro exemplo disto son os peixes que viven no fondo mariño. Os blénidos, por exemplo, ao ser peixes bentónicos (que viven no fondo) non teñen vexiga natatoria.

Presentan unha cabeza grande con tentáculos, máis ou menos desenvolvidos, pequenos ramos nas narinas e na boca, que está situada nunha posición baixa con respecto á cabeza. Aparecen pousados nas rochas sobre as súas aletas pélvicas e entran rapidamente nos buratos se son perturbados, desprazándose con movementos ondulatorios da cola e das aletas pectorais. Pero son especies moi curiosas, que de inmediato aparecen de novo intrigadas pola nosa presenza.

Son xeralmente moi territoriais, especialmente os machos durante o coidado dos ovos. Son eles quen buscan e preparan as zonas axeitadas nas fendas das rochas para que as femias poidan facer a posta.