BRIOZOOS

Un briozoo é un animal colonial. Está composto por centos de individuos case microscópicos (0,5 mm), os zooides, que se encaixan entre si. Son os "tetris" do mar. Ademais, estes zooides están interconectados a través de tubos minúsculos que permiten que o alimento pase dun ao outro. As colonias viven suxeitas no fondo mariño e medran como finas cortizas peludas que cobren as rochas ou algas sobre as que se asentan (aínda que ás veces tamén as atopamos nas cunchas e coirazas de centola), de aí o seu nome: briozoo significa "animal musgo".

 

 

Cada colonia ten diferentes tipos de zooides, que se especializan en diferentes funcións:

- os zooides típicos e máis numerosos (tamén os máis visibles) son os autozooides, responsables da alimentación. Caracterízanse por ter unha crista (lofóforo) que lles permite captar as partículas que comen e tamén intervén na respiración. Estes lofóforos non actúan illadamente, é a coordinación do movemento de todas as lofóforos da colonia a que xera as correntes para atraer e poder capturar alimentos en cada zooide.

- Para defender a colonia, outros zooides convertéronse en mini-mandíbulas, son os avicularios

- tamén están os vibracularios, que son os encargados de limpar a colonia 

- os gonozooides, pola súa banda, están implicados na reprodución. 

Son os animais máis numerosos na cobertura das rochas, sendo especialmente abundantes nas augas superficiais nas que practicamos snorkel ou mergullo, e son o alimento favorito de moitos animais mariños, especialmente dalgúns nudibranquios.

Os briozoos teñen unha curiosa forma de reproducirse en dúas fases: a primeira sexualmente, a unión do óvulo e do esperma dará lugar a un ovo que se transformará nunha larva. Esta larva primitiva está fixada na rocha e desenvólvese como un "individuo fundador", que comezará a reproducirse de xeito asexual, por xemación, separando partes do seu corpo que darán lugar a outros zooides e formarán a colonia.

Aínda que os zooides son tan minúsculos, poden dar lugar a grandes estruturas coloniais que se estenden ou medran máis de medio metro e, a pesar de seguir unha estrutura de puzzle moi característica, poden adoptar moitas formas diferentes.

Podemos distinguir dous tipos de briozoos:

- As COLONIAS DE “TAPIZANTES OU INCRUSTANTES” que se estenden como se fosen cortizas, cubrindo a superficie do substrato, son moi comúns sobre as grandes algas pardas, como as laminarias.
- As COLONIAS ERECTAS aseméllanse aos corais tropicais ou ás algas, xa que medran aumentando e formando estruturas laminares maiores con formas caprichosas. É neste grupo onde incluiríamos, por exemplo, a Pentapora foliacea, tamén chamada rosa do mar.