CEFALÓPODOS

Son os invertebrados mariños máis evolucionados, cun sistema nervioso avanzado (o máis desenvolvido de todos os invertebrados) e sensorial que os fai capaces de aprender e memorizar. Estes moluscos readaptáronse a unha vida nadadora (os outros moluscos ou ben viven pegados a algunha superficie ou móvense moi lentamente nos fondos) e, para iso, sufriron algunhas transformacións que melloraron a súa hidrodinámica e afastáronas do modelo anatómico máis típico dos moluscos:

  • O seu corpo alongouse dorso-ventralmente (de arriba abaixo)

  • A súa cuncha redúcese e interiorízase (chocos e luras) ou desaparece (polbo)

  • Os bordos do pé transformáronse en brazos (ventosas ao longo da extremidade) e tentáculos (ventosas só ao final)

  • Outra parte do pé deu lugar a un sifón, chamado sifón, que lles permite expulsar a auga a gran velocidade para propulsarse.

Son depredadores carnívoros moi voraces e oportunistas, cazadores visuais que usan os brazos ou os tentáculos para capturar presas e despois esmagalas coas fortes mandíbulas en forma de pico. Cando morden, inxectan unha poderosa neurotoxina que inmobiliza as súas presas, un recurso interesante para evitar un enfrontamento no que o seu corpo brando ten moito que perder fronte os caranguexos ou os bivalvos. A isto hai que engadir a presenza dunha rádula na boca, unha lingua áspera con pequenos dentes curvos dispostos en fileiras.

As luras e os chocos son nadadores expertos, capaces de moverse lentamente, virar, facer xiros rápidos, avanzar en todas as direccións ou escapar rapidamente propulsados polo sifón. Teñen 2 aletas laterais na parte posterior do seu corpo que lles permiten desprazarse e danlles estabilidade para realizar con precisión todas estas manobras. Pola súa banda, o polbo vive nas profundidades, arrástrase cos brazos polo substrato, aínda que, se precisa fuxir rapidamente, tamén usa o sifón.

Algunhas das características especiaIs dos cefalópodos :

  • Poden nadar mediante PROPULSIÓN A CHORRO: inhalan a auga polas aberturas que teñen ao redor do sifón e enchen de auga a cavidade do manto, que se expande de xeito significativo. A continuación, contraen rapidamente os músculos para facer saír a auga de súpeto, xerando un poderoso chorro que os impulsa no sentido contrario. Canto máis desenvolvidos estean os músculos, maior será o poder de propulsión. Ademais, como o sifón é flexible poden orientalo para moverse en diferentes direccións.

    Outro uso do sifón faino o polbo femia cando coida da posta dos ovos. Normalmente ponse detrás dunha barreira de pedras e cunchas que forman un muro e dificilmente poderémola ver. Mais se nos achegamos a algún pequeno burato para ollar no interior da gorida, soltará un chorro de auga cara a nós para afastarnos.

  • Dispoñen dunha BOLSA DE TINTA: posúen unha glándula interna que a xera e que ten a súa saída a través do ano, preto da apertura que rodea os sifóns, de xeito que para dispersar con maior eficacia a nube de tinta expulsan auga polo sifón simultaneamente. Basicamente úsano para desfacerse dos depredadores, aproveitando a confusión para escapar, pero tamén ten efectos tóxicos que poden irritar a vista e o olfacto dos atacantes (tamén pode afectar aos ollos humanos). Ademais, no caso dos chocos, úsano para cubrir os seus ovos cunha fina capa negra que os camufla e protexe dos posibles depredadores, xa que a diferenza dos polbos non quedan para coidar das súas postas.

    A tinta non é máis que melanina en altas concentracións, de feito se as concentracións son baixas adquire unha cor avermellada. Os cefalópodos que viven a grandes profundidades non teñen este mecanismo, xa que non é útil en ausencia de luz.

  • Adaptan un dos seus brazos como órgano sexual masculino, HECTOCOTILO, de xeito que o extremo deste brazo teña unha forma máis plana e posúa a saída do conduto que leva o esperma. No caso dos chocos, trátase do brazo situado á esquerda e nos polbos, case sempre o terceiro pola dereita. Neste último, o hectocotilo ten un aspecto apuntado, crese que é usado para eliminar restos de esperma doutros polbos e así depositar o seu de forma exclusiva, aínda que é común que os polbos teñan paternidade múltiple

  • Unha das estruturas máis complexas e especiais é a PEL. A parte externa do corpo dos cefalópodos ten moitísimas células saco con pigmentos, os cromatóforos, un polbo adulto pode ter millóns na súa pel e pode formar ata 5 cores para combinar: amarelo, laranxa, vermello, azul e negro, responsables dos múltiples e drásticos cambios de cor en milisegundos. Isto conséguese mediante contraccións musculares que "deforman" estas células variando a cor que reflicten. Cando expanden (abren) un tipo de cromatóforo a súa cor faise visible, mentres deixa de selo se o contrae (pecha). Como as variacións de cor dependen da musculatura, e esta está moi desenvolvida nos cefalópodos, lévanse a cabo cunha velocidade extraordinaria.
    Os cambios de cor permítenlles comunicarse, expresar o seu estado de ánimo ou camuflarse. Son capaces de percibir as características do lugar no que se atopan para imitalas a través da cor e textura, e mesmo da forma ou posición do seu corpo. Esta plasticidade responde ás múltiples capas da súa pel: capa externa con pigmento - tecido conxuntivo - 3 capas musculares - outra capa conxuntiva, cuxa acción conxunta dá estes resultados sorprendentes.

  • Por outra banda, múltiples estudos sobre o seu sentido da VISTA suxiren que os cefalópodos perciben en branco e negro, xa que nos seus ollos só teñen células que captan estes espectros e carecen das células especializadas para percibir as cores que temos nós. Entón, como é posible que imiten unha variedade de cores se non as ven? Un estudo realizado por astrofísicos na Universidade de Berkeley podería darnos a resposta. Parece que, polo menos nos polbos, estes incribles animais teñen sido capaces de "percibir cores" vendo en branco e negro. A clave está na súa curiosa meniña horizontal, que se curva lixeiramente en forma de U, isto permítelles aproveitar un efecto chamado "aberración cromática". Cando un polbo mira un obxecto, a súa pupila curva, en vez de reunir todos os raios de luz no mesmo punto (o cal permite unha imaxe nítida), descomponse en diferentes puntos (como cando se forma un arco da vella) e así percibe as cores. Por suposto, a costa de empeorar de maneira importante a nitidez da imaxe, o que tampouco supón un problema se consideramos os seus desenvolvidos sentidos do tacto e os quimiorreceptores.

  • Posúen unha grande INTELIXENCIA. Os polbos e os chocos considéranse os invertebrados máis intelixentes, cun desenvolvemento intelectual comparable ao de algúns mamíferos como os golfiños ou os chimpancés. Son capaces de aprender e memorizar para resolver problemas por si mesmos ou por imitación (no caso dos polbos), e usan ferramentas, especialmente para protexerse.

    Mesmo parece que os polbos "abúrrense" en situacións catividade e moitos acuarios danlles puzles e crebacabezas para estimulalos. Os cefalópodos son animais moi activos e curiosos, investigan e aprenden constantemente interactuando co seu ambiente, e isto, non o teñen nun acuario. Esta intelixencia é especialmente rechamante cando temos en conta que non hai aprendizaxe entre xeracións e que a súa lonxevidade é moi curta.

Gustaríanos facer unha mención especial ao PROYECTO CEFAPARQUES, que, tras anos de interesantes estudos sobre os tres cefalópodos máis importantes da ría (polbo, choco e lura), delimitaron varias zonas do Parque das Illas Cíes como áreas de grande interese para establecer reservas mariñas protexidas, demostrando a súa importancia e os enormes beneficios que reportaría, non só para a salude destas poblacións de cefalópodos (sobreexplotados polo seu interese comercial) senon para toda a biodiversidade mariña do Parque e, por extensión, da ría.

Deixámosvos a ligazón do documental UN ESPECTADOR VULNERABLE, que recolle parte das marabillosas imaxes que resultaron deste estudo e explica o Proyecto Cefaparques.

UN ESPECTADOR VULNERABLE