CETÁCEOS ODONTOCETOS

Os cetáceos son animais mariños perfectamente adaptados á vida acuática, que xorden hai millóns de anos, a partir de animais terrestres que deciden regresar ao mar. Así que, a pesar do seu aspecto de peixe, son mamíferos que transformaron o seu corpo e a súa forma de vida para habitar os océanos. Por un lado, prescindiron de todo canto puidera prexudicalos na auga, perderon o pelo e as extremidades posteriores e desenvolveron internamente estruturas que noutros mamíferos sobresaen, como as orellas, as mamas ou os xenitais. Por outra banda, tiveron que desenvolver elementos que lles permitan adaptarse, polo que transformaron as súas extremidades superiores e o rabo en aletas, o seu corpo adoptou unha forma hidrodinámica alongada e están cubertos por unha grosa capa de graxa para evitar a perda de calor.

​Neste proceso de transformación tamén se debe destacar a evolución dos sentidos. A vista adaptouse con modificacións que lles permiten ver coa mesma claridade dentro e fóra da auga, aínda que isto só é útil nas augas superficiais, onde a luz permite a visión. O sentido do tacto asume roles esenciais, tanto na natación (algúns golfiños teñen unha grande sensibilidade corporal que lles permite nadar de forma máis eficiente, dado que a súa pel transmite os movementos que perciben na auga), como na socialización, sendo o contacto físico un importante estímulo de unión, especialmente entre nais e crías. Mais os maiores avances prodúcense na audición, fundamental baixo a auga porque o son se propaga máis rápido aquí que no aire. En concreto, os odontocetos teñen o sistema de ecolocalización máis desenvolvido do mundo animal, emiten sons e reciben os seus rebotes coa precisión do sonar para localizar todo o que teñen ao redor e para comunicarse. Dispoñen tamén dun sentido extra que favorece a difícil orientación nun ambiente tan complexo e "deserto" como a alta mar, sentido co que perciben as variacións nos campos magnéticos para determinar os puntos cardinais e trazar as súas rutas de migración.

​Aínda que seguen a ter pulmóns, estes están preparados para almacenar unha enorme cantidade de osíxeno, o que, xunto con algunhas especializacións do seu sistema circulatorio, permítelles afrontar as grandes presións submarinas e os converte en fantásticos mergulladores. A diferenza de nós, cando un cetáceo se somerxe baleira parte do aire dos seus pulmóns para evitar a flotabilidade que provocaría. Os seus pulmóns son diferentes dos nosos, cada un está dividido en dúas partes e, mentres que a parte superior acumula a reserva de aire, só a parte inferior, que contraen, recibe o fluxo sanguíneo, reducindo así a absorción de nitróxeno e impedindo a formación das perigosas burbullas que causan as embolias da enfermidade por descompresión. A respiración nos cetáceos é un proceso voluntario, que controlan e dominan.

En relación á súa necesidade de saír á superficie para respirar, hai outras curiosas adaptacións. Por exemplo, a diferenza dos peixes, a aleta caudal está orientada horizontalmente, polo que segue a ser útil cando se desprazan na superficie do mar, xa que se estivese en posición vertical, propulsaríaos moito menos.
Outro dos trazos característicos é a presenza do espiráculo (burato para o intercambio de gases) na parte dorsal do seu corpo, o que lles permite respirar con máis eficacia durante a natación superficial. Os devanceiros dos cetáceos actuais tiñan estes buratos na parte dianteira das cabezas, coma nós, e a súa posición foi mudando cara atrás para adaptarse á vida mariña. De feito, durante as primeiras etapas do desenvolvemento, os embrións de cetáceos teñen orificios nasais nos fociños e a medida que medran, desprázanse á súa posición final.
Un novo cambio para facilitar a natación prodúcese nas vértebras cervicais. Estas reducíronse de tamaño e fusionáronse para manterse ríxidas. Deste xeito, os cetáceos poden manter unha posición máis hidrodinámica da cabeza sen apenas esforzo muscular.​

Dado que tiveron que integrar os xenitais masculinos dentro do seu corpo para ser máis hidrodinámicos, os machos necesitan unha outra adaptación máis importante. A temperatura corporal dos cetáceos está ao redor dos 37ºC e o esperma, moi sensible ás súas variacións, require unha temperatura algo máis baixa (é por isto, que nos outros mamíferos, normalmente localízanse no exterior do corpo). Isto resólvese cun sistema de "refrixeración testicular": parte do sangue é arrefriado na aleta caudal, dado que non ten illamento térmico, e é transportada repetidamente á zona dos testículos para mantelos a unha temperatura inferior á da resto do corpo.

 

As rías galegas polas súas características en termos de situación xeográfica, temperatura da auga e abundancia de vida grazas aos afloramentos costeiros, son lugares favorables para a presenza dalgúns tipos de cetáceo. De feito, nos últimos anos houbo un gran número de avistamentos e, por desgraza, tamén de varadas (en 2018 rexistráronse 350 varadas en Galicia).
Hai dúas grandes organizacións dedicadas ao estudo e conservación dos mamíferos mariños, que reflicten a importancia das augas galegas na vida destes grandes visitantes:

​http://www.cemma.org/   

https://thebdri.com/es/index.html

 

​Segundo un estudo de OCEANA de abril de 2009, en toda a área galaico-cantábrica podemos considerar como especies comúns aos arroaces, golfiños comúns, golfiños riscados, caldeiróns comúns e toniñas. Hai outras 6 especies relativamente frecuentes en zonas afastadas da costa, como a balea ou rorcual común, o rorcual ou balea de aleta branca, o cachalote, o zifio caldeirón, o zifio común e o caldeirón cinsento ou arroaz boto.
Despois teríamos outras especies que poderían aparecer de xeito puntual como a balea azul, o rorcual boreal, o xibardo ou balea xibardo, o zifio de Sowerby, a candorca e o golfiño de cara branca

https://eu.oceana.org/sites/default/files/reports/Cetaceos_area_galaico_cantabrica.pdf 

ODONTOCETOS (CETÁCEOS CON DENTES)
Os odontocetos inclúen aqueles cetáceos provistos de dentes, xeralmente con fociño e cabeza avultada para acoller o melón, un órgano que usan para emitir sons e así empregar a ecolocalización. Outra característica deste grupo é que só teñen un espiráculo ou orificio dorsal para respirar. Son odontocetos os golfiños, cachalotes, zifios caldeiróns, narvais, balugas, toniñas e candorcas.

MISTICETOS (CETÁCEOS CON BARBAS)
Por outra banda temos os misticetos, que inclúen todas as baleas que no canto de ter dentes teñen barbas de filtrado (fíos de queratina que penduran da mandíbula superior formando unha densa capa a xeito de cepillo). Tamén teñen dous espiráculos, o que fai que formen chorros en forma de V cando botan o vapor de auga. Normalmente son grandes migrantes, teñen a boca moi ancha e a aleta dorsal situada nunha posición moi atrasada. Pertencen a este grupo o xibardo, a balea franca, a balea azul e o rorcual común.

Buscar
Tipo