ESPONXAS

As esponxas son animais moi primitivos que se alimentan filtrando partículas polos poros que se estenden por todo o seu corpo, de aí que tamén se coñezan como poríferos (o nome común débese a que algunhas especies foron usadas como esponxas de baño durante moito tempo). Son masas xelatinosas, con coláxeno e un esqueleto de carbonato de calcio ou sílice, que están cheos de buratos: os máis pequenos permiten entrar a auga (ostíolos) e os grandes, que son máis escasos, permiten a súa saída (ósculos). Nas paredes interiores dos seus túneles teñen células exclusivas, os coanocitos, con forma de funil e un flaxelo que axitan para xerar correntes de auga no seu interior.

Durante moito tempo pensouse que eran un tipo de planta. Non foi ata o século XVIII que, tras observar o seu funcionamento interno e que tiñan capacidade de contraerse, pasaron a ser consideradas animais. O fluxo interno de auga polas múltiples canles que teñen, permite que se alimenten, intercambien gases para respirar e se reproduzan. Son bombas de auga e, aínda que varía segundo a especie ou a época do ano, estímase que filtran aproximadamente 2 litros de auga por minuto

Un dos seus roles no medio mariño é servir de alimento, especialmente a invertebrados, como os nudibranquios ou caranguexos que se alimentan delas. Aínda que viveninmóbiles, teñen poucos predadores, pois segregan substancias tóxicas para afastalos. Pero non son loitas, as esponxas establecen moitas relacións de simbiose. Os moluscos e crustáceos, por exemplo, ofrecen mobilidade ás esponxas nas súas cunchas e un lugar onde fixarse a cambio da camuflaxe e da protección química que proporcionan, e mesmo hai quen logra vivir dentro delas, como algúns vermes tubícolas ou os xuvenís de ofiuras, que manteñen limpas as esponxas a cambio de refuxio.

Calquera esponxa ten a capacidade de reproducirse de diferentes formas segundo as condicións do momento. Isto inclúe que poden reproducirse de maneira sexual, liberando gametos, ou asexual, por fragmentación ou a través de brotes. Cando a reprodución é sexual, a maioría das esponxas son vivíparas: os ovos son fecundados dentro das canles, onde as larvas pasarán os primeiros estadios do seu desenvolvemento, dando lugar ás novas esponxas. A reprodución asexual vailles permitir aumentar o seu tamaño ou colonizar o espazo próximo, mentres que a reprodución sexual favorece a súa dispersión.

Esponxas

Son estruturas tan básicas que non teñen tecidos nin órganos no seu deseño corporal, mais iso é compensado pola súa enorme plasticidade. As súas células son capaces de cambiar a forma e  función segundo as necesidades do ambiente onde viven (totipotentes), dando lugar a unha enorme variedade, non só entre diferentes tipos esponxas, senón tamén dentro da mesma especie. Esta característica especial das súas células fai que as esponxas sexan capaces de "reconstruírse". Nos estudos de laboratorio someteron ás esponxas a presións que "esmagaban" unha parte do seu corpo e inmediatamente as súas células comezaban a moverse para volver á súa posición anterior e recuperar a función que desempeñaban, de xeito que en 2 ou 3 semanas a esponxa xa recuperara a súa forma e funcionalidade. Ademais, cando se realizou o mesmo experimento, xuntando dúas partes de esponxas diferentes, separáronse e reconstruíronse cada unha por conta propia. O que nos demostra que, dalgún xeito, recoñécense entre elas.

O Atlántico norte europeo é unha das rexións do mundo con maior riqueza e variedade de esponxas. En Galicia hai moitos tipos diferentes, aquí incluímos só algúns dos que atopamos con máis frecuencia. Adoitan ter cores rechamantes e poden amosar diferentes formas e tamaños para adaptarse a diferentes ambientes. Son relativamente fáciles de identificar e diferenciar doutros animais, xa que o seu corpo é poroso, pero, salvo algunha moi característica, é moi difícil distinguir entre diferentes especies de esponxas e adoita ser necesario un estudo co microscopio para identificar a especie.

As rochas son as superficies que máis empregan para medrar, pero tamén viven fixándose nas algas ou nas coirazas e cunchas doutros animais, e hainas que desenvolven rizomas (raíces febles) para ancorarse na area. Para establecerse, prefiren zonas onde hai un certo grao de corrente que facilite a súa filtración e con baixos niveis de sedimentación, xa que, se esta é moi abundante, atoaría as súas canles internas. Esta é a razón pola que normalmente prefiren paredes verticais de rocha e, por iso, debemos ter coidado de non levantar demasiada area cando nadamos preto delas.

A nivel global, realizan importantes funcións no equilibrio do ecosistema mariño, dado que as súas estruturas axudan a modelar e construír os ambientes bentónicos (dos fondos) e, debido á súa natureza, actúan como filtros biolóxicos que moven os nutrientes e "limpan" detritos.

Pero tamén xogan roles importantes a menor escala, en función das relacións que establecen no medio mariño. Contribúen ao equilibrio da biodiversidade a través da súa competencia, a maior loita das esponxas é polo espazo, competindo entre elas ou con algas e outros animais que tamén viven ocupando a superficie das rochas, como os briozoos ou os cnidarios. Como precisan menos luz para desenvolverse que as algas, a partir dos 20 m. de profundidade son máis abundantes que estas, mentres que neses primeiros metros son as algas as que gañan a partida.