A PARTE POLO TODO
Moitos invertebrados son capaces de rexenerar partes do seu corpo en maior ou menor medida. Esponxas, cnidarios, moluscos, crustáceos ou algúns vermes amosan este superpoder máis común do que pensamos na vida mariña.
Esta virtude é especialmente rechamante nos equinodermos. A estrelamar, por exemplo, non só é capaz de facer medrar un brazo perdido, tamén é posible que faga a rexeneración de xeito inverso. Se unha parte grande do disco central permanece cun brazo amputado, pode restaurarse completamente.
As ofiuras tamén poden facer que os brazos volvan crecer, o cal aproveitan para desprenderse deles e usalos como cebo cando se achegan os depredadores. Pola súa banda, algúns carallotes, como as holoturias, expulsan os túbulos de Cuvier xunto con parte ou todo o seu intestino pegañento cando son perturbados e rexenérano despois. Os ourizos fan medrar as súas espiñas e os crinoideos, calquera parte do seu corpo.