Os gadiformes son peixes que presentan, a maioría, barbas na cabeza. Esta orde engloba diferentes familias entre as que están os gádidos como o bacallau, as fanecas e os badexos os os gaidropsáridos, como as barbadas.
Os gádidos son facilmente recoñecibles porque teñen 3 aletas dorsais e 2 anais. Ademais, o seu corpo anchea lixeiramente na parte anterior dándolle unha forma de cometa. A faneca ten barba na parte inferior da boca (coma o bacallau), o badexo, en cambio, non ten barbas e a súa silueta é moito máis longa ca da faneca. A súa coloración tamén é diferente, pero ambos presentan unha marcada liña lateral que se curva cara arriba antes de chegar á cabeza.
Os gaidropsáridos teñen o corpo serpentiforme e tres barbas na cabeza.