GASTERÓPODOS

Aínda que os cefalópodos e os bivalvos son máis familiares debido á nosa gastronomía, os gasterópodos son o grupo máis numeroso, variado e con maior éxito biolóxico de todos os moluscos, mesmo adaptándose ao medio terrestre.

Teñen un pé poderoso que lles permite reptar e unha cabeza ben diferenciada da que saen dous tentáculos nos que están situados os ollos. A maioría ten unha soa cuncha, a miúdo helicoidal, o que provocou que o seu corpo se adapte retorcéndose no interior, así, a masa visceral e a cuncha sofren un xiro de 180º con respecto ao pé e á cabeza. As cunchas poden ter varios debuxos, cores e formas, que normalmente están relacionados co seu hábitat e forma de vida. Pero hainos tamén coa cuncha moi reducida ou sen ela.

Incluen distintos grupos que presentan notables diferencias entre sí:

  • Caracois de mar (prosobranquios) :  Son os máis primitivos e teñen unha única cuncha helicoidal que pode variar moito. Son redondeadas e cónicas para recuperar facilmente a posición, máis aplanadas e amplas para permitir un mellor agarre nas rochas ou poden alongarse para así evitar ser enterradas. Ás veces, a forma helicoidal transformouse nun deseño de gorro (lapas) ou de gran de café (porcelanas).
  • Lesmas e lebres de mar (opistobranquios):  Predomina o seu corpo brando, dado que a súa cuncha reduciuse moito ou desapareceu. Teñen branquias no exterior do corpo, como extensións na parte dorsal. Segregan un moco para desprazarse que, en moitas especies, contén substancias químicas que actúan coma "mensaxes", de xeito que outros individuos da súa especies poden "ler" ese rastro para localizalos. Ás veces poden indicar con estes sinais químicos a ameaza pola presenza de depredadores.
  • Caracois e lesmas de terra (pulmonados): Cunha soa cuncha de forma helicoidal, transformaron o espazo entre a cuncha e o manto nun pulmón, que substitúe ás branquias.