GÓBIDOS

Os góbidos son semellantes aos blénidos, aínda que teñen dúas aletas dorsais (no canto dunha soa) claramente diferenciadas. Tampouco teñen tentáculos na cabeza e a boca inclínase cara abaixo. A cabeza é ancha e aplanada, cos ollos grandes e xuntos, e teñen moitas papilas (apenas visibles) repartidas polas meixelas.

Algúns de pequeno tamaño son nadadores, coma o lorchiño, moi abundante na ría formando grandes bancos. Pero a maioría deles viven nas fendas das rochas e nos fondos areosos.
Son a familia de peixes máis numerosa, con unhas 2000 especies distribuídas polo mundo, aquí só recollemos algunhas das máis comúns na ría.