Os quitóns ou polipocóforos son pequenos animais que reflicten a enorme variedade de formas que poden tomar os moluscos. Teñen forma ovalada e aplanada, de entre 1 e 6 cm de longo, e o seu corpo está cuberto cunha única cuncha formada por 8 placas transversais articuladas. O bordo do manto do seu corpo forma unha cintura que normalmente percorre todo ou parte do perímetro da cuncha, cubríndoos coma se fose un reberete. Ademais, esta parte saínte do manto normalmente ten espiñas ou pelos grosos que sobresaen dos lados.
O pé é grande, esténdese por toda a parte ventral do seu corpo e permítelles moverse e tamén ancorarse ás rochas, xa que son capaces de fixar firmemente o bordo exterior do pé e levantar a parte interna para xerar un baleiro. Aliméntanse de algas e pequenos invertebrados, para o que empregan a súa poderosa rádula, que ten multitude de dentes pequenos en filas formadas por compostos ferrosos (magnetita).
Non teñen ollos nin tentáculos sensoriais, pero desenvolveron órganos exclusivos para relacionarse co medio. No seu corpo brando teñen quimiorreceptores e receptores táctiles, pero a súa estrutura sensorial estrela son os estetes: múltiples fotorreceptores que están espallados pola súa cuncha e que actúan como ollos. En realidade, son células do manto que se estenden a través de canles verticais, furando a cuncha para situarse fóra dela.
Son habitantes habituais da zona intermareal, polo que se poden ver nas rochas das praias, xeralmente en pozas, fendas ou baixo as pedras Aínda que poden medir varios centímetros, o máis común é que nas pozas intermareais sexan de pequeno tamaño, entre 1 e medio centímetro. Tamén viven nos fondos pouco profundos, especialmente se hai cascallo, suxeitos a cunchas, pedras e outras estruturas menos naturais como lixo mariño.