TIBURÓNS

Para nadar, os TIBURÓNS axúdase dun alto contido de aceite no seu grande fígado (representando ata o 20% do peso total), así como da estrutura, disposición e funcionalidade das súas aletas, que se complementan para favorecer a hidrodinámica. Ademais, no canto de ter escamas, a pel ten pequenos dentes afiados e orientados cara atrás (dentículos dérmicos). O melgacho tamén é coñecido como tiburón lixa por este feito, e a súa pel mesmo se usaba como tal na antigüidade.

​Ademais da flotabilidade e a hidrodinámica, nos tiburóns debemos resaltar os seus sentidos. Como depredadores de alto nivel desenvolveron unha sensibilidade moi complexa para detectar presas. En primeiro lugar e como detección a longas distancias, utilizan os seus desenvolvidos sistemas de olfacto e ouvido. O olfacto é esencial, xa que funciona a máis de 100 metros de distancia e desencadea movementos automáticos de persecución de presas, son especialmente sensibles aos cheiros relacionados cos alimentos. Permítelles tamén identificar o xénero e a disposición sexual doutros exemplares. Para a audición empregan o oído e a liña lateral do seu corpo, podendo percibir frecuencias moi baixas mesmo a un quilómetro de distancia.
Nas distancias curtas usan o sentido da vista, aínda que os ollos son quizais o seu punto máis vulnerable. Tanto é así que teñen mecanismos especiais de defensa. Algúns tiburóns, como os tiburóns brancos, viran os ollos cara ao interior durante os ataques para protexelos. Outros teñen unha terceira pálpebra protectora (membrana nictitante). Deste xeito, os tiburóns quedan "cegos" no último momento do ataque, intre no que usan un sentido diferente, o eléctrico. Dispoñen de órganos especiais en todo o corpo, e especialmente na cabeza, as ampolas de Lorenzini, que son extremadamente sensibles aos cambios eléctricos nas distancias curtas (medio metro).

Isto todo convérteos en depredadores excepcionais, aínda que son moito máis inofensivos do que estas características poderían facernos pensar, de feito, os humanos representan unha ameaza moito maior para o tiburón do que ao revés. A imaxe que moitas persoas teñen dos tiburóns debido aos filmes difire moito da realidade. Ninguén nega que sexan animais salvaxes e poden ser perigosos, especialmente se non se respecta o seu espazo, pero nós non somos parte da súa dieta nin atacan por deporte. De feito, estímase que a probabilidade de ser atacado por un tiburón é de 1 entre 11 millóns e que este ataque provoque a morte de 1 entre 265 millóns. Pola contra, cada ano factores relacionados directamente co comportamento humano, como a sobrepesca, o uso de artes de pesca agresivas que as capturan indirectamente ou a contaminación, deciman de maneira importante todas as especies de tiburóns, algúns dos cales viron reducido o seu número nun 80% (como a melga) e cada vez máis especies están en perigo ou ameazadas de extinción.