Isto ten grandes vantaxes, como dispoñen de raíces verdadeiras, son capaces de instalarse en sedimentos brandos como a area, onde as algas non poden (os seus rizomas, o equivalente ás raíces das plantas, non son o suficientemente fortes e precisan superficies duras como as rochas para agarrarse). Deste xeito levaron a cabo unha gran colonización, estendéndose e formando as típicas pradarías mariñas.
Pero volver ao mar tamén ten os seus inconvenientes, alí non teñen insectos polinizadores que faciliten a dispersión das súas sementes, polo que a reprodución sexual é difícil, os seus grans de polen son longos e viscosos para seren transportados polas correntes mariñas e adherirse, mais o éxito é escaso. Isto significa que case sempre se reproducen dun xeito asexual ou vexetativo, o que ten un alto custo, xa que a súa diversificación é moi deficiente.
Quizais nos sona máis a posidonia mediterránea, pero aquí tamén temos plantas mariñas, moi similares en todos os aspectos e igual de importantes, aínda que moito máis descoñecidas e tamén desprotexidas. A planta mariña que atoparemos na ría é a Zostera mariña, que como todas as plantas superiores constan de raíces, talo e follas, así como flores e froitos.