OBRADOIROS DO MAR

Que cousas fan que a vida sexa tan diferente ao outro lado da superficie? Que paisaxes submarinas agochan as augas galegas? Sabías que hai peixes que migran miles de quilómetros para sobrevivir debido ao cambio climático? Estas e outras cuestións terán resposta no desenvolvemento destes obradoiros.

A través de dinámicas participativas e vídeos submarinos filmados por nós en Galicia percorremos o mundo que se agocha baixo o mar para coñecer a súa biodiversidade e hábitats, poñendo especial atención na necesidade da súa conservación.

Abordaremos tamén os efectos que están a ter a contaminación e o cambio climático nas augas galegas para coñecer que especies son máis vulnerables e cales son as chaves para reducir estes impactos e reflexionar sobre o que pode aportar cada persoa ante unha problemática tan global.

OBRADOIROS DE DEBUXO

Unha actividade para todas as idades coa que poderemos afondar no coñecemento e a observación da vida mariña galega a través da creatividade e a arte.

O debuxo ábrenos unha perspectiva que permite mirar con outros ollos as formas de vida baixo a auga, descubrir as súas peculiaridades e empatizar coa contorna dende a flexibilidade que nos aporta unha técnica como a acuarela.

OBRADOIROS NA PRAIA

Non hai mellor lugar para iniciarse na vida mariña ca praia. Ímonos TRALA PISTA DA MAREA para levar a grupos de nen@s entre 6-12 anos a un espazo natural no que observar e descubrir os tesouros e curiosidades que nos deixa o mar.

Un obradoiro co que desfrutar da natureza ao aire libre en grupos de entre 20 e 30 persoas, para a través de xogos coñecer a zona intermareal, explorar as fochancas da praia e converternos en detectives por un día para seguir as pistas e rastros que nos deixan as mareas.

OBRADOIROS NO NAUTILUS

Teremos a oportunidade de visitar o Nautilus, un observatorio submarino que será o lugar ideal para descubrir as particularidades do mergullo e da vida baixo o mar, onde ademais contaremos coa presenza dun mergullador na auga co que interactuaremos dende o observatorio.

Durante a actividade coñeceremos as diferenzas entre a vida baixo o mar e na terra, aprenderemos a identificar a vida mariña que podemos observar dende o Nautilus e, sobre todo, falaremos sobre a importancia do fondo do mar e da necesidade de coidar o medio mariño.

CHARLAS PRESENCIAIS

Desplazámonos a centros educativos, empresas e outro tipo de entidades para realizar charlas, exposicións, presentacións ou obradoiros que aborden o mundo submarino dende diferentes perspectivas. Acompañando semre os contidos de material visual realizado por nós que permita unha maior comprensión desta realidade tan descoñecida, como vídeos filmados en Galicia, ilustracións de especies autóctonas e fotografías submarinas.

INTERÉSACHE ORGANIZAR ALGUNHA DAS NOSAS CHARLAS OU OBRADOIROS?

Contacta con nós en 13gradosvigo@gmail.com