Os octocorais son animais, maioritariamente coloniais, que viven unidos no substrato, pero dan lugar a formas ramificadas ou crecen como bulbos carnosos. A característica definitiva deste grupo son os múltiples pólipos que aparecen en toda a superficie da estrutura. Estes pólipos son pequenos e rematan sempre con oito tentáculos de pluma (é por iso o nome de octocoraliarios). Cando son coloniais, cada pólipo é un ser independente pero conectado cos outros por un esqueleto común. Entón, cando vemos unha anemone estamos a ver a un animal, pero cando vemos unha gorgonia ou un cenoiro (octocoraliarios) vemos moitos animais unidos formando un todo.
Dentro dos OCTOCORAIS podemos atopar:
- as gorgonias, animais coloniais con aspecto de planta, xa que se ramifican para crear estruturas tridimensionais con múltiples pólipos que xorden do seu corpo. En Galicia podemos atopar unha interesante variedade delas e desfrutar da súa presenza a partires dos 5 m.
- os corais brandos ou alcionáceos, como as mans de morto ou os dedos vermellos. Tamén son coloniais e con múltiples pólipos espallados polo corpo, pero adquiren formas de menor tamaño e menos estilizadas cas gorgonias. Os corais brandos crean lóbulos carnosos que non adoita superar os 15 ou 20 cm de tamaño.
- as plumas de mar ou penatuláceos, que son animais coloniais de corpo bulboso e carnoso, cunha única prolongación da que parten os seus grandes pólipos. Aínda que hai máis especies nas costas galegas, a que poderemos atopar con máis facilidade é o cenoiro.
- os estoloníferos, que, sen dúbida, son os máis descoñecidos, probablemente polo seu pequeno tamaño (50 mm), e que forman discretas colonias de pólipos unidas por un estolón común.