PLANTAS

Logo de colonizar con éxito o medio terrestre, algunhas plantas decidiron volver ás súas orixes e regresar ao mar. As plantas mariñas teñen unha interesante historia evolutiva porque, aínda que polo seu aspecto lembren ás algas, están ben lonxe delas. A vida vexetal xorde no mar, primeiro aparecen as algas vermellas, seguidas das verdes e, finalmente, as algas pardas. Entón comeza a vida das plantas terrestres, a medida que os musgos evolucionan a partir das algas verdes e evolucionan ata chegar ás plantas superiores, as fanerógamas, que son aquelas que teñen froitos e flores. Nun momento dado, alá pola época dos grandes dinosauros, algunhas destas plantas superiores deciden volver vivir no mar e aparecen as pradarías de fanerógamas mariñas.

Esta volta ás augas salgadas ten importantes vantaxes. As plantas dispoñen de raíces verdadeiras, polo que son capaces de instalarse en sedimentos brandos como a area, onde as algas non poden (os seus rizomas, o equivalente ás raíces das plantas, non son o suficientemente longos e fortes e precisan de superficies duras como as rochas para agarrarse). Deste xeito, as plantas levaron a cabo unha gran colonización , estendéndose nos fondos de area e cubríndoos coas súas verdes pradarías.

Pero volver ao mar tamén ten os seus inconvintes, alí non teñen insectos polinizadores que faciliten a dispersión das súas sementes, polo que a reprodución sexual é difícil, os seus grans de polen son longos e viscosos para seren transportados polas correntes mariñas e adherirse, mais o éxito é escaso. Isto significa que case sempre se reproducen dun xeito asexual ou vexetativo, o que ten un alto custo, xa que a súa diversificación xenética é moi deficiente.

Quizais ouvimos falar máis da Posidonia mediterránea, pero aquí tamén temos plantas mariñas, moi similares á posidonia e igual de importantes, aínda que moito máis descoñecidas e tamén desprotexidas. A planta mariña que atopamos en Galicia é a zostera, concretamente: a Zostera mariña, e a Zostera noltii que como todas as plantas superiores constan de raíces, talo e follas, así como flores e froitos.

ZOSTERA NOLTEI