Chámanse poliquetos por ter múltiples sedas o pelos (quetas) por todo o corpo que lles axudan a moverse e, no caso de ser atacados por un depredador, para non ser sacados da súa loga gorida, aférranse a ela con estas sedas.
Algúns viven na zona intermareal, cavando galerías ou construíndo os seus tubos na area ou sobre habitantes da franxa costeira, como os mexillóns, e outros fano a maior profundidade. Dependendo do seu estilo de vida, alimentaranse de diferentes xeitos: inxerindo partículas do sedimento, filtrando as que están suspendidas ou depredando outros pequenos animais. Á súa vez serven de alimento para moitos peixes.
Todos os vermes poliquetos teñen un "esqueleto" hidrostático. Os seus corpos están cheos de líquido, que mantén un volume constante, de xeito que as contraccións e alongamentos dos seus músculos dan lugar a movementos ondulatorios que lles permiten cavar, reptar ou nadar. Normalmente dividen o seu corpo en tres partes, a cabeza con tentáculos sensoriais, o corpo segmentado con moitas sedas o pelos laterais e unha rexión final onde está o ano.
Os seus órganos sensoriais están moi desenvolvidos, todos teñen ollos máis ou menos complexos e quimiorreceptores para detectar alimentos. Ademais, os poliquetos escavadores e os tubícolas teñen receptores especiais para percibir cambios e vibracións nas correntes, así como "detectores" da orientación do seu corpo.
Recentemente incluíronse os sipuncúlidos ou vermes cacahuete entre os anélidos. Son vermes exclusivamente mariños e bentónicos, polo que viven no fondo, a miúdo enterrados no sedimento areoso ou limoso. O seu corpo caracterízase por dispoñer dunha probóscide ou trompa retractil.
Ademais dos anélidos, tamén denominamos vermes aos PLATELMINTOS ou planarias: uns vermes planos (confundidos coas lesmas de mar, que son moluscos), polo xeral non segmentados, que engloban miles de especies, algunhas de vida libre, como as planarias mariñas, e outras parasitas, como a tenia.