EQUINODERMOS

Son animais exclusivamente mariños, con pugas na parte exterior do seu corpo e habitan os fondos, sendo moi abundantes. Pero, ademais, os equinodermos destacan por constituír unha importante curiosidade evolutiva. Cando, coa aparición dos vermes, os animais descubriran a bilateralidade como grande recurso para a vida móbil (o camiño que seguirán ata os vertebrados), chegan os equinodermos e volven á simetría radial, preservando esta mobilidade. Sábese que evolucionaron de formas bilaterais, xa que as súas larvas manteñen esta simetría, pero para converterse en adultos sofren unha metamorfose que transforma o seu corpo, reorientando o seu eixe corporal nun 90% e volvendo a un esquema corporal radial.

Así coa simetría radiada (como as esponxas ou os cnidarios) conseguiron unha mobilidade útil (como os animais bilaterais). Pero este xiro tamén ten contras, dado que impide o desenvolvemento dun sistema nervioso centralizado (cefalización) ou a especialización dos órganos dos sentidos, é dicir, non teñen cabeza.

Algunhas características fan que sexan únicos, permitíndolles acadar este movemento voluntario:

  • Contan cun sistema acuífero interno, o sistema ambulacral. Debido a que os seus corpos están cheos de tubos e cavidades que forman un circuíto líquido, son capaces de usar a presión hidráulica para activar os pés múltiples no seu corpo e moverse.
  • No seu interior teñen un endoesqueleto calcario moi sinxelo, formado por placas que varía notablemente entre diferentes tipos, desde a armadura que protexe os ourizos ata estruturas minúsculas nos carnosos corpos dos carallotes.
  • A súa simetría é pentarradial, é dicir, o seu corpo está organizado en cinco partes iguais arredor da boca. Esta simetría está presente en todos, mesmo aqueles que non presentan cinco brazos, como carallotes e ourizos.

 Os equinodermos xogan un papel importante nos ecosistemas, especialmente os carallotes, que, sendo detritívoros, manteñen limpo o fondo mariño; pero tamén os depredadores como as estrelas e os grandes consumidores de algas, como os ourizos, aínda que é importante que haxa un equilibrio na cadea trófica para evitar pragas, xa que ambas especies son moi voraces e reprodúcense rapidamente.

Tradicionalmente son cinco os tipos de equinodermos:

Describiuse recentemente outro novo tipo de equinodermo: as margaridas do mar (concentricycloideos), que teñen forma de disco de pequeno tamaño (menos de 1 cm), sen brazos, cun anel de pés no bordo do seu corpo e viven a grande profundidade. Só se describiron tres especies, as tres viven sobre anacos de madeira en descomposición, probablemente porque se alimentan das bacterias que conteñen. Actualmente, os estudos morfolóxicos e moleculares inclúenas no grupo das estrelamares.