Así, aproximadamente, podemos establecer como se distribúen os diferentes tipos de algas no fondo dependendo da profundidade: TEORÍA CROMÁTICA DAS ALGAS: onde as zonas máis superficiais son especialmente adecuadas para as algas verdes e algunha pardas, aínda que tamén aparecen algas vermellas. Máis abaixo estarían as algas pardas e vermellas e , finalmente, a máis profundidade quedarían só algunhas especies de algas vermellas.
En Galicia podemos desfrutar dunha ampla variedade de algas, aproximadamente unhas 600 especies, que crean paisaxes cheas de cores e vida moi importantes para a biodiversidade mariña, como os xardíns de algas característicos dos primeiros metros ou os bosques de grandes algas pardas, que aparecen dende o intermareal ata os 20 metros de profundidade.
Debido a que a absorción de ondas de luz no mar é bastante estable, a profundidade axúdanos a localizar unhas algas ou outras a diferentes niveis, pero por que varían as especies que atopamos a unha mesma profundidade dun lugar a outro? Aquí entraría outro factor chave, a temperatura. Esta inflúe nos aspectos metabólicos e reprodutivos, determinando a distribución xeográfica das especies. Así, dependendo de se falamos de latitudes máis ao norte ou ao sur, a temperatura varía e, con ela, as especies de algas que veremos. O cambio climático, que está a elevar a temperatura media do mar, inflúe directamente nesta distribución, favorecendo o desprazamento de especies de algas exóticas que poden ter caracter invasor a zonas onde non estaban presentes e afectando á supervivencia de especies autóctonas que non soportan esta suba das temperaturas.