Na ría de Vigo abundan os cnidarios que manteñen unha forma de pólipos sésiles (unidos no substrato) ao longo de toda a súa vida, é dicir, sen transformarse en medusa. Estas formas de vida máis "domésticas" que decidiron establecerse nos nosos fondos son numerosas e variadas, distribúense competindo polo espazo xunto con esponxas, algas e briozoos.
Son moitas as relacións de simbiose establecidas polos cnidarios. As anémonas, por exemplo, adoitan xuntarse a outras formas de vida que lles proporcionan movemento, como as cunchas dos ermitáns ou as algas grandes. Pero á súa vez son empregadas como protección por moitas outras formas de vida, como é o caso dos pequenos camaróns ou caranguexos araña. Mesmo hai especies, como a anemone común, que poden ter algas que viven no seu interior, unha relación particular na que a anémona proporciona un lugar seguro para vivir e as algas, a través da fotosíntese, enerxía gratis.
A maioría dos cnidarios aliméntanse de zooplancto (pequenos animais que viven suspendidos na columna de auga), aínda que as anémonas adoitan ser o suficientemente grandes como para capturar e comer peixes pequenos e outros invertebrados. Mais a cadea trófica continúa e os cnidarios tamén teñen depredadores, entre os que destacan as lesmas de mar e outros moluscos con cuncha. É normal que estes pequenos depredadores adquiran as cores rechamantes que teñen os cnidarios dos que se alimentan.